Diario de a bordo do CEIP Manuel Masdías, Caranza, Ferrol

Ao igual que están a facer outros coles da comarca ao longo destes meses, nós tamén coñecemos a ameixa Tareixa en maio, cando nos veu visitar á clase de 5º do CEIP Manuel Masdías. Ben, a ameixa Tareixa e tamén moitos outros moluscos que viven na nosa ría e que as mariscadoras nos traen ata o prato. Aprendimos tamén como afecta a acción humana á vida dos mares: hai plásticos que tardan máis de 600 anos en desaparecer do mar!

O 7 de xuño, saímos de excursión para comprobar no sitio as cousas que aprendemos na aula. Fomos, primeiro, á praia da Bestarruza. Chovía, pero igual puidemos facer uns xogos nos que aprendemos a identificar as árbores e as cunchas que se atopan na praia e arredor dela, e recollemos algo do lixo que as persoas botamos nos areais ou no mar.

Acabamos a excursión cunha visita á confraría de Barallobre. Moito nos gustaron os acuarios cos moluscos! Ademais, o biólogo mariño da confraría explicounos como son, onde viven e como se collen, e despois levounos pola lonxa para coñecer como funciona!

Leave a Comment

Your email address will not be published.