Rematamos a terceira edición de Ondas de Ilusións!

Esta mañá de sábado chovía miudiño e facía frío. Isto non foi obstáculo algún para as oito familias que se desprazaron ao Museo de Historia Natural (Canido, Ferrol), co obxectivo de coñecer mellor os recursos mariños das nosas costas. Así, un total de 26 persoas das comunidades educativas dos CEIP de Os Casais (Fene), Piñeiros (Narón) e Isaac Peral (Ferrol), acompañadas por Cesio e Pablo fomos guiadas por este magnífico espazo museístico. Primeiro observamos imaxes de diversas especies no auditorio, podendo tocar os dentes nos cráneos dun arroaz e dun golfiño. A continuación subimos ao andar do museo no que están catalogados os fondos dedicados ao mar. Puidemos ver distintos fósiles, decenas de cunchas que podemos atopar na praia, esqueletes de animais -algúns de grandes dimensións como a balea e as súas barbas- a áspera pel das quenllas e un sinfín de curiosidades. Grazas ao persoal deste equipamento, xestionado dende a SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL pola súa paixón en conservar e divulgar o medio ambiente e mariño. Quedamos con moitas ganas de regresar e seguir aprendendo!